Skip to main content

Os montes encantados

Os montes galegos son lugares máxicos, venerados dende tempos antigos polas culturas que poboaban estas terras. Lugares de mouros, meigas, serpes, e tesouros que gardaban, en moitos casos, a entrada ao Outro Mundo. Nas lendas destes montes pódese entrever a súa historia, sempre cargada de maxia e misterio.

O PICO SACRO

O Pico Sacro, coñecido na antigüidade como Mons Illicinus, foi probablemente un santuario da Galicia precristiá, atopándose nel unha das entradas ao Outro Mundo. Na galería subterránea coñecida como Cova do Pico tiña o seu pazo a Raíña Lupa, a máis sobranceira das mouras encantadas galegas.

O culto ao monte evidénciase nas propiedades sandadoras que se lle atribúen e quedan rexistradas nalgúns ritos e costumes populares, como a de saudar á montaña dende algún dos miradoiros que permiten o seu avistamento, empregando estas palabras: «Pico Sagro, Pico Sagro, sándame do mal que eu traio».

O MONTE PINDO

Os dominios da Raíña Lupa van moito máis alá do Pico Sacro, existindo lugares que fan referencia a esta personaxe mítica por toda a xeografía galega, como o Castro Lupario ou o Monte Pindo, tamén coñecido como o Olimpo Celta ou O Pedragal, lugar de mouros e meigas onde as herbas medicinais, e mesmo as propias pedras, crecían durante as noites.

Aquí atopábase outra porta ao Outro Mundo, a chamada Casa da Xoana, na que roldaban as ánimas da Santa Compaña.

O MONTE DO SEIXO

O Monte do Seixo, coñecido como a Montaña Máxica, é outro dos lugares sagrados da Galicia megalítica. Nel se atopan curiosas formacións rochosas como o Marco do Vento ou Portalén, outra das entradas ao máis alá, onde era posible conversar cos mortos, que facían chegar a súa resposta dende o outro lado a través do vento.

PENA TREVINCA

A Montaña de Pena Trevinca, o teito de Galicia, é tamén lugar encantado, con misteriosos bosques milenarios como o Teixadal de Casaio, ou lagoas glaciares como a Lagoa da Serpe, na que habita una temible criatura que é en realidade unha princesa moura. Nas noites de San Xoán, é posible vela agardando sentada ao carón da lagoa a que alguén a desencante.

A ESPENUCA

Os montes galegos tiveron sempre a dobre función de miradoiro e punto de referencia. Dende eles dominábase todo o territorio, pero tamén eran un fito que axudaba a orientarse dende moi lonxe. Así, as lendas dos montes poden chegar a quilómetros de distancia. Conta unha lenda que as Meigas da Terra Chá acudían ao Monte da Espenuca para aprender a voar, xa que na chaira non tiñan alturas dabondo.

Ir al contenido